Logotipo FEIRACO
- Formato/tipoloxía
En 1968, un grupo de gandeiros do val da Barcala constituíron a Cooperativa Forrajera de Negreira, nun principio para subministrar forraxe para as familias asociadas. Inaugurou a súa propia fábrica de piensos en 1970 e a partir de 1972 comezou a súa traxectoria como comercializadora de leite e produtos derivados, a actividade pola que se mantén como unha das empresas máis importantes do sector en Galicia.
Para realizar a imaxe da cooperativa, en 1970 a xunta directiva realizou diversos contactos con axencias galegas e chegou a plantexar un concurso de ideas, máis foi a empresa barcelonesa Industrias Gráficas Seix Barral Hermanos, fundada en 1911 e que naquela altura dirixía María Rosa Seix, quen se encargou da imaxe que coñecemos. Seix Barral contaba cun equipo de axentes comerciais que percorrían as empresas do territorio español, e foi un destes axentes o que chegou á cooperativa cun nome e unha imaxe xa feitas. Maximino Viaño, secretario da cooperativa, conta que a imaxe orixinal tiña o deseño dun "F" moi artístico, que pronto desapareceu, e que se lle pagaron a Seix Barral 35000 pesetas pola proposta. O acrónimo FEIRACO viña a integrar os tres elementos do nome COoperativa, Forrajera e NegrEIRA, nunha tipografía xeométrica formada por liñas paralelas concéntricas. En canto ao isotipo, este representa a cabeza de perfil dunha vaca reducida a liñas e elementos mínimos: contorno, orella, corno e ollo, ao xeito dun pictograma. Tanto o logotipo como o isotipo fóronse modificando co tempo, buscando un maior equilibrio na tipografía e suavizando as formas da vaca, sobre todo desde o redeseño feito en 2014 pola axencia viguesa La ballena que va llena, pero mantívose na súa esencia ao longo do tempo. A imaxe de FEIRACO tivo a súa maior difusión nos anos noventa, cando era o patrocinador principal do RC Deportivo da Coruña no seu mellor momento como clube.
- Fonte
-
FEIRACO, Consello da Cultura, Biblioteca Pública da Coruña M. González Garcés
- Dereitos
-
© FEIRACO, Sociedade Cooperativa Galega
Relacionados - Arquivo do deseño
Logotipo Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra
Logotipo CIG
Identidade Seminario de Estudos Galegos