AR\DE é un proxecto que documenta a historia do deseño galego e promove a súa investigación.
O arquivo nace en 2023 como iniciativa de catro persoas socias da DAG Asociación Galega de Deseño. No Arquivo do Deseño Galego queremos servir de altofalante e de conector dos fondos e a documentación espallada en publicacións, arquivos, museos e coleccións.
A que aspiramos
O noso principal obxectivo é mellorar o coñecemento da historia do deseño galego incidindo en tres áreas:
Conservación
Preservar o legado do deseño galego nun repositorio dixital, facilitando o acceso aos contidos e servindo de enlace entre pasado e futuro.
Investigación
Promover proxectos que documenten o deseño galego para incorporar novas perspectivas e revelar novos datos da súa historia.
Divulgación
Servir de fonte de información, recollendo nun único sitio un grande número de referencias para facelas máis accesibles.
Como o facemos
AR\DE nace, primeiramente, como unha lista de recursos que tratan o deseño galego. En xuño de 2024, incorpora un rexistro sonoro que aspira a preservar o pensamento de deseñadoras e deseñadores na súa propia voz. E finalmente, en decembro de 2025, presenta un arquivo dixital, con pezas e obras destacadas ao longo da historia.
Equipo
O equipo de AR\DE, xunto cun grupo de especialistas en distintas disciplinas, propoñemos unha serie de deseños para incorporar á web. A maioría deles parten da busca en arquivos, museos, coleccións e recursos documentais. Tanto na proposta como na selección temos en conta varios criterios: o recoñecemento social; o seu impacto na sociedade, na economía ou na cultura; a súa relevancia histórica; a innovación formal, conceptual ou técnica; e a pervivencia no tempo.
Pezas e proxectos
Na selección de pezas e proxectos, definimos tamén uns obxectivos en relación á diversidade de xénero nas autorías. Buscamos mellorar a representatividade das mulleres, a miúdo ausentes no relato histórico por non seren recoñecidas nin nomeadas.
Procedencia
O Arquivo dixital inclúe proxectos deseñados en Galicia e fóra de Galicia, por creadoras e creadores de orixe galega ou non. O nexo común é o seu vínculo co noso territorio, ben porque foron proxectos desenvolvidos en Galicia ou para Galicia, ben porque as persoas que participaron no seu deseño teñen unha clara conexión con Galicia, a nosa historia, a nosa cultura e o noso patrimonio.
Contribucións
O Arquivo do Deseño Galego AR\DE é unha plataforma en constante crecemento. Celebramos as contribucións e suxestións das persoas que queiran compartir información con nós.