Revista “Céltiga”
- Dimensións
- 28,5 x 20 cm
- Temática
- Ámerica e a emigración
Revista de arte, crítica, literatura e actualidade que se publicou na Arxentina entre 1924 e 1932. Tiña unha periodicidade quincenal e, aínda que incluía textos en galego, o castelán era a lingua predominante. Nas súas preto de 40 páxinas incluía colaboracións de nomes importantes da galeguidade, como Castelao, Francisca Herrera Garrido, Ramón Cabanillas, Vicente Risco ou Xosé Filgueira Valverde, entre moitos outros. Os contidos ilustrados da revista abordaban a cultura galega nun sentido amplo, con colaboracións literarias, notas biográficas de artistas e outras novas da actualidade galega e arxentina, aínda que tamén atopamos textos que trataban asuntos menos vencellados á vida cultural, como a política ou a agricultura.
O deseño da cabeceira mantívose ao longo do tempo, aínda que foi cambiando de tamaño, cor e posición na portada. O nome da publicación, en letra gótica, aparecía silueteado e subliñado con catro liñas finas. Nos primeiros números figuraba un subtítulo en letra contorneada de anchura variable, REVISTA GALLEGA DE ARTE CRÍTICA LITERATURA Y ACTUALIDADES. Esta mesma cabeceira aparecía tamén na primeira páxina da revista, centrada na parte superior.
A maqueta da revista incorporaba numerosas ilustracións, fotografías e reproducións de obras de arte. Eran tamén moitas as páxinas adicadas á publicidade, anuncios que permiten contextualizar a publicación nun lugar e un momento histórico concreto. O peso da ilustración no deseño non era só evidente na portada senón tamén nos artigos publicados e na iconografía utilizada. A silueta da faciana da muller que ilustra o primeiro número serviu de elemento iconográfico nos 4 primeiros anos, identificando a maioría das páxinas da revista na esquina superior exterior crebando o marco que delimitaba as marxes.
A composición de textos, fotografías e ilustracións rompía moitas veces co formalismo da primeira páxina, a 2 columnas. As páxinas da revista estaban normalmente impresas a unha tinta, que podía ser negra pero tamén azul, verde ou vermella.
Os números completos da revista, dende o 1 ata o 182, poden consultarse na páxina web do Consello da Cultura Galega, no seu Repertorio da Prensa Galega da Emigración.
- Créditos
-
Domingo Rial Seijo e Ramón Peña (directores)
Adolfo Vázquez Gómez, Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo (directores literarios)
Editorial Céltiga, Bos Aires - Dereitos
Relacionados - Arquivo do deseño
Portada “Cantigas e verbas ao ar”
Portada da revista “Galicia Gráfica”
Cartel Festas de Betanzos
Portada Estatuto de Galicia
Relacionados - Recursos
Ánxel Casal, un editor para un país: Catálogos de Lar e Nós
- Alfonso Mato , Mercedes Bangueses Vázquez , Ernesto Vázquez Souza , Isaac Díaz Pardo , Ramón Villares Paz e María de Lourdes Pérez González
- 2007