1924-ronsel-alvaro-cebreiro-01
1924-ronsel-alvaro-cebreiro-02
1924-ronsel-alvaro-cebreiro-03
1924-ronsel-alvaro-cebreiro-04
1924-ronsel-alvaro-cebreiro-05
1924-ronsel-alvaro-cebreiro-06
Formato/tipoloxía
Dimensións
28 x 21 cm

Revista de arte editada na imprenta Palacios de Lugo. Os seus seis únicos números viron a luz entre maio e novembro de 1924. Estaba dirixida por Evaristo Correa Calderón e Álvaro Cebreiro, autor da cabeceira e primeira portada. Ángel Juan González López (Ánxel Johán), na xerencia, será quen asine o resto das portadas. Contaba cun amplo equipo de redacción formado por colaboradores galegos, entre os que se atopaban Afonso Daniel R. Castelao, Carlos Sobrino, Manuel Antonio, Luis Pimentel, Viqueira e Bal y Gay. 

De coidado deseño e contido seleccionado, nace con vontade de ser unha publicación de calidade e, como o seu nome evoca, deixar rastro. Ademais das ilustracións de artistas como Castro Gil, Sobrino Buhigas, Casares Mosquera, Cunha Barros, Amando Suárez Couto…, inclúe tamén textos críticos literarios e musicais. As súas páxinas prestaron especial atención a creadores lugueses e tamén a autores portugueses como Teixeira de Pascoaes. 

No deseño da cabeceira, Cebreiro demostra o seu compromiso coa vangarda cultural galega e a exploración de novos camiños na arte. Presenta o título en caracteres claramente influenciados polas anovadoras correntes artísticas do momento. Dotou de rotundidade ao conxunto con escritura en caixa alta, letras con alto contraste entre os trazos e tendencia á verticalidade, amais de proporcións inusuais —moi propias do art déco—; subscribindo ese espírito rupturista que o levaran xunto co poeta Manuel Antonio a crear no seu día o manifesto «Máis alá!».​​ 

A ilustración da cuberta presenta, en trazo groso e suaves curvas, a figura dunha embarcación de vela a unha tinta. Achega harmonía ao conxunto e contrasta co corte máis industrial do tratamento tipográfico. Esta mesma estampa aparecerá como peche, a escala reducida, na contraportada de cada número. Nas páxinas interiores, as cabeceiras de seccións —como a titulada “Crisol”— volven dar conta do estilo vangardista no deseño tipográfico da publicación. 

Créditos

Evaristo Correa Calderón (dirección)
Álvaro Cebreiro (dirección artística)
Ángel Juan González López (xerencia)
Imprenta Palacios, Lugo

Fonte

Orixinal: Real Academia Galega
Dixital: Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia

1924-ronsel-alvaro-cebreiro-01

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos