Cartel “Xove Nuclear Non”
- Formato/tipoloxía
- Dimensións
- 64 x 45 cm
- Temática
- Activismo social e cultural
En novembro de 1973, anunciabase que se construiría no concello de Xove, na Mariña, unha central nuclear cun investimento de 100.000 millóns de pesetas. Era un proxecto dun consorcio que lideraba FENOSA, empresa que prácticamente monopolizaba a produción e fornecemento de enerxía na Galiza.
Aquel mesmo ano, o movemento nacionalista comezou a organizar actos informativos sobre o proxecto con diferentes técnicos. En 1974 eu asisitín ao derradeiro acto público permitido polas autoridades. Lembro que un grupo de amigos fixemos a viaxe de Santiago, onde estudaba, a Viveiro. O acto, organizado pola Asociación Cultural Sementeira, celebrouse nunha discoteca coa xente da contorna acomodada en cadeiras que ateigaban a pista de baile. Alí falaron o economista e lider nacionalista Ramón López Suevos, o catedrático de Química Analítica, Francisco Bermejo, e o enxeñeiro e sociólogo Pedro Costa Morata.
Ao ano seguinte, en 1975, aqueles mesmos relatores na discoteca de Viveiro publicaron un libro en Edicións do Rueiro: “A contaminación en Galicia”. A encomenda de deseñar as capas recaeu en min. Eu xa era activo “deseñador” da Agrupación Cultural O Galo. As espiñas dun peixe e a caveira dunha vaca foron os temas que escollín. O branco e negro parecía obrigado ao tema e a resolución gráfica seguía o ronsel dos pictogramas, todo moi xeométrico, e no caso da caveira de vaca había unha intención de xogo de luces que dramatizaba a figura. O peixe foi na capa e a vaca na contra. Parecía, en principio, que o mar ía ser máis afectado pola contaminación.
En 1977, o movemento nacionalista convocou a Marcha de Xove e 8.000 persoas percorreron durante tres horas o traxecto entre Viveiro e a parroquia de Lago, en Xove. Eu daquela estaba estudando deseño en Barcelona, pero as imaxes daquela marcha, non autorizada pero permitida, pasaron de man en man. A faixa que levou ADEGA de Pontevedra reproducía os debuxos das capas do libro, como recolle a fotografía, cortesía de Xico de Carinho, que ven sendo o que aparece á esquerda da faixa, á dereita, Adela Figueroa, que anos despois sería presidenta desta asociación ecoloxista.
Ramón Muñiz, xerente de “A Nosa Terra” e responsábel das Comisións Labregas, encomendoume deseñar o cartaz contra a ameza nuclear en Xove. Propuxen reutilizar os mesmos iconos da capa do libro deseñado tres anos antes, suxerindo o peixe como protagonista do cartaz. Muñiz razoou que, sendo un poster das Comisións Labregas, o motivo tiña que ser a vaca. Levaba razón, e aínda así propuxo facer co peixe un autocolante, que tivo tamén grande circulación. Velaí a historia deste cartaz de 1977, deseñado en 1975.
E aquela loita contra a nuclear de Fenosa, gañouse. Pero o mal non acouga e outras loitas sociais precisan novas gráficas para amplificar a súa voz.
Texto de Pepe Barro
- Créditos
-
Sindicato Labrego Galego (promotora)
Litografías 3C (Imprenta) - Fonte
-
Praza.gal e Pepe Barro
- Dereitos
-
© Pepe Barro
Relacionados - Arquivo do deseño
Cuponazo da ONCE
Caixa de ovos Pazo de Vilane
Cartel “A moda en Galicia. O viño en Galicia”