Cuberta “Os biosbardos”
- Dimensións
- 20 x 13 cm
- Serie
- Editorial Galaxia
“Os biosbardos”, unhas das obras cume de Eduardo Blanco Amor, é un conxunto de relatos escritos en primeira persoa e ambientados na cidade de Auria, unha transposición literaria do seu Ourense natal. A primeira edición do libro foi publicada pola Editorial Galaxia en 1963. A ilustración continua da cuberta e a contracuberta foi deseñada por Xohán Ledo, o responsable de arte durante os primeiros 30 anos da súa andaina. que tamén interviu nalgunhas páxinas do libro.
“Os biosbardos” participa dunha figuración moi característica de Ledo, aquela de base realista e halo conceptual, que nos chega amable pero complexa. Remite a figuracións relacionadas co existencialismo e a alienación modernas, como as de Edward Hopper ou o escultor pop George Segal, con quen coincide no característico borrado das faccións do rostro —estilema que tamén ensaiou Castelao—. Son figuras, así, declaradamente arquetípicas, xenéricas mais sempre populares, que encaixan como unha luva coa poética neorrealista de Blanco Amor. O ourensán —autor dunha obra inacabable na súa significación—, porfiou nunha teima: a de afrontar os problemas do realismo e as representacións populares sen simplificalas, sen escapar do seu perfil contraditorio e pouco edificante.
É esta unha preocupación na que pensamos orbitaba Ledo cando lle respondía ao seu compañeiro na editora Fernández del Riego sobre cal era misión á que debía aspirar Galaxia: «Fornecer aquecemento a toda obra do espírito, esquecéndose de amolecela con toda clase de casqueira literatura por mor do popular. Cómpre darlle ao pobo as cousas non degradadas. Cando non chegue ao seu entendemento o camiño ten de ser mellorar o seu entender e saber, non abaixar a literatura a niveis impropios». O traballo gráfico de Ledo soubo ser ao mesmo tempo popular e esixente.
Texto de Antonio Doñate Mañeru
- Créditos
-
Eduardo Blanco Amor (autor)
Editorial Galaxia - Fonte
- Dereitos
Relacionados - Arquivo do deseño
Cuberta Anuario de Vigo
Cuberta “Á lus do candil”
Cuberta “Estampas Compostelanas”