2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-01
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-02
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-03
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-04
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-05
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-06
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-07
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-08
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-09
2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-10

Publicación Escoitar.org Audio Hacklab

Formato/tipoloxía
Dimensións
14,8x21 cm

Deseño e maquetación da publicación do proxecto de creación do Audiolab (Hacklab) desenvolvido polo colectivo Escoitar.org no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. O libro, de formato pequeno, ten 184 páxinas e inclúe un disco DVD. A portada deixa ver as formas dunha orella marcada con golpe seco. O título e a información sobre a publicación van recollidos nunha pequena peza de papel colado que vai desde a portada ata a contraportada. Este texto, impreso en branco sobre negro, aparece en vertical, de abaixo arriba, dando continuidade á clásica composición do lombo dun libro. 

O deseñador, Antonio Doñate, opta por unha tipografía clásica, a Times New Roman, que utiliza na información da cuberta e tamén no texto principal das páxinas interiores. A paleta tipográfica complétase cunha tipografía grotesca, que se usa só de maneira puntual para detalles de información como as notas ao pé. A caixa de texto presenta unha marxe exterior moi reducida, e bastante máis ampla cara ao interior da páxina. O texto presenta aliñación xustificada cando a columna ten un ancho xeneroso e vai aliñada á esquerda cando se estreita. O deseño mestura ademais papeis de distintas cores, o branco dá paso a un de tonalidade crema co inicio da sección “Conversas”. 

Nesta publicación bilingüe, galego–castelán, as dúas linguas comparten páxina, nunha composición pouco habitual que estrutura os contidos horizontalmente. Arriba, en negro, vai o texto en galego e debaixo, en gris, o texto en castelán. As fotografías incluídas van impresas en cor e esténdense ata os extremos da páxina, ocupando unha boa parte da composición ou a páxina completa.

A partir do obradoiro Paisaxe Sonora de Vigo, o colectivo Escoitar.org quería rexistrar os sons que identificaban a cidade e para iso, constrúe un Audiolab (Hacklab). Un lugar de experimentación aberto e público, no que se levan a cabo traballos de investigación, difusión, e unha serie de actividades paralelas. O núcleo do proxecto consistía en coñecer as paisaxes sonoras de Vigo a través de orellas alleas, como un exercicio de estrañamento no que o eixo fundamental sería o traballo con colectivos de inmigrantes.

Créditos

Colectivo Escoitar.org: Berio Molina, Carlos Suárez, Chiu Longina, Horacio González, Juan-Gil López, Julio Gómez, Xesús Otero
Edita: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Fonte
Dereitos

© Antonio Doñate

2008-publicacion-escoitar_org-AntonioDonate-01

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos